Tuesday 21 de May de 2024

Novo obradoiro de Educa Bonito para familias con menores de ata 10 anos


O xoves 13 de outubro abre o prazo de inscrición para un novo obradoiro do programa Familias Inquedas dirixido ás familias con menores de 0 a 10 anos. Apoiar e orientar ás familias na educación e crianza dos fillos e fillas é o contido deste obradoiro baseado na metodoloxía disciplina positiva, para que poidan medrar con confianza, seguridade e autonomía desenvolvendo todas as súas capacidades.

A estrutura do obradoiro consta dunha primeira sesión intensiva o sábado 22/10/2022 en horario de mañá e tarde, de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 20:00, na que se realizará unha inmersión na disciplina positiva, con dinámicas e exemplos prácticos para interiorizar as ferramentas e habilidades que podemos adquirir con esta metodoloxía. Posteriormente serán 4 sesións mais de dúas horas cada unha, os días 2, 7, 9 e 14 de novembro, en horario de 18:00 a 20:00 h.

Todas sesións serán en formato presencial e vanse desenvolver en Villa Echeverry, as instalacións de Servizos Sociais e Igualdade en Perillo.

Como é habitual as inscricións serán a través da web municipal www.oleiros.org, na sede electrónica, no apartado cidadáns e empresas/trámites online, a partir do xoves 13 de outubro ás 10:00 h e ata o martes 18 de outubro ás 23:00 h. O número de prazas é limitado, 15 prazas (individuais), que se asignarán por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencias as persoas que non participaron nesta actividade en anos anteriores.

As sesións serán impartidas por María Soto, fundadora de Educa Bonito, un método baseado na disciplina positiva que propón un novo enfoque educativo, co fomento das capacidades e na adquisición de habilidades sociais, cognitivas e de comunicación a través do respecto, a motivación e a búsqueda de solucións.

Unha nova proposta ás familias de Oleiros para unha educación consciente co fin de divulgar e compartir boas prácticas na educación e na crianza no entorno familiar, cun enfoque preventivo para superar os retos, as dificultades e os conflitos no día a día da convivencia. Desde o Concello de Oleiros segue a apostarse por estes espazos educativos dirixidos ás familias co fin de traballar unha comunicación respectuosa e afectiva, fomentando fogares que sexan refuxio de seguridade e base dunha vida comunitaria rica e plena.